A Fundación INFORMA, ASESORA e ACONSELLA ás familias e responsables de persoas con discapacidade intelectual a fin de que estes poidan acadar as mellores condicións de desenvolvemento, benestar e garantías de futuro; e, cando non é posible atopar as persoas físicas adecuadas, dispostas a encargarse das responsabilidades tutelares, a Fundación EXERCE OS CARGOS TUTELARES  encomendados,  tras a aceptación do  nomeamento por vía xudicial. Na actualidade a Fundación Sálvora exerce a tutela a 55 persoas con discapacidade intelectual.

SERVIZO TUTELAR

Os pais e familiares pola súa relación humana de afecto e compromiso,  consideranse  sempre, salvo evidencia en contra, os primeiros en ser  designados  titores.

Se outra persoa física ou xurídica debe ser designada titor o xuíz debe ter en conta as condicións necesarias para o desempeño do cargo con eficacia.  

O titor debe comprometerse co benestar da persoa, ter capacidade para relacionarse con él, coñecer e comprender os seus desexos e necesidades, así  como o sistema de apoios e  servizos dispoñibles para utilizar os que poidan ter consecuencias significativas na vida da persoa. 

A Fundación  Sálvora  exerce o cargo de tutelar  das persoas con discapacidade intelectual encomendadas xudicialmente, velando, como un pai responsable, pola adecuada satisfacción das súas necesidades, tanto no ámbito persoal  como patrimonial, en orde a proporcionarlles a mellor calidade de vida posible e cumprindo puntualmente cos deberes inherentes ó cargo (rendición anual de contas os xulgados, inventarios,  autorizacións, solicitudes,…).

No ámbito persoal :

Prestando atención individual e persoalizada na procura dun entorno estable de relacións persoais cálidas e cercanas, en continua relación e coordinación  cos profesionais dos centros de vida e servizos socias do entorno; intervindo tanto nas áreas básicas de saúde, vivenda, alimentación, coidados persoais, formación, integración social e laboral, como  as persoais e afectivas (referencia persoal, interese polas súas cousas,…) e sociais (participación en actividades culturais, recreativas, deportivas,…).

No ámbito legal e patrimonial:

· Os representamos legalmente e velamos polos seus intereses.

· Buscámoslles os recursos necesarios para garantir o seu benestar.

· Administramos es seus bens no seu único e exclusivo beneficio.

As relacións persoais e de integración social gozan dunha especial atención dentro das actividades cos tutelados. O longo do ano, ademais de participar nas actividades organizadas nos seus respectivos centros residenciais, asisten a campamentos de veran, estancias en pisos e casas tuteladas; etc. e participan en outras actividades de ocio, xunto con outros compañeiros: festividades, eventos sociais, deportivos ,….; organizados pola propia Fundación, o centro residencial, ou ben outros organismos e entidades.

A Fundación  Sálvora non presta servizos residenciais, laborais, educativos, etc. por entender co mellor exercicio da tutela precisa do titor a independencia necesaria para actuar como un usuario informado e esixente respecto ós servizos que se prestan ós tutelados, optando por ser consumidores dos servizos que prestan as entidades públicas e privadas.

SERVIZO DE INFORMACIÓN E ASESORAMENTO

Mais ala da estricta función do exercicio do cargo de titor con tódalas súas consecuencias e responsabilidades, a Fundación  conta na súa  sede cun  servizo de información e asesoramento  sobre  tutela e protección de persoas con discapacidade intelectual  a fin de axudarles a resolver a problemática  afecta a súa singular situación e orientando sobre a forma de garantir o mellor futuro para as persoas con discapacidade intelectual.

A NIVEL PERSOALIZADO:

Atención telefónica, correo electrónico ,  entrevistas persoais concertadas con  familias e responsables de persoas con discapacidade intelectual 

· Modificación da capacidade de obrar, tutela, curatela,  testamentos,…

· Apoio a labor tutelar de persoas físicas (rendición de contas, autorizacións,…)

· Recursos sociais, prestacións,…

· Coordinación e/o derivación a outras entidades.

 A NIVEL COLECTIVO:

Participación en Xornadas e Charlas informativas  abertas, organizadas pola propia Fundación ou por outras entidades que solicitan colaboración.